Estimad@ pai/nai:
O motivo da presente é poñer en coñecemento as novas normas e recomendacións que dende o día da data coa ratificación da súa Xunta Directiva entran en vigor a partir da próxima convocatoria de competición do C.N. Galaico-Sercoysa.
1.- Tod@s os nadadores que falten a dúas convocatorias sen causa xustificada nunha tempada, non volverán ser convocados durante esta.
2.- Cando as competicións se realicen fóra da Provincia e naquelas que dentro de Pontevedra, o Club decida efectuar o transporte en autobús, este será gratuíto e tod@s os nadadores que estean convocados viaxarán tanto á ida coma ao regreso coa expedición. Só se permitirá a volta en transporte particular cos seus pais ou familiares nalgunha excepcionalidade, sempre e cando se lle comunique ao Delegado correspondente con máis de tres días de antelación e este dea a súa aprobación á devandita circunstancia ou causa xustificada.
3.- Queda totalmente prohibida ao longo da competición a subministración de alimentos ou bebidas aos nadadores. O Club ofrece a tod@s os deportistas bebidas e merendas en todas a competicións.
4.- Recoméndase durante o período de competición non chamar os nadadores ás bancadas, pois perden, evidentemente, o seu nivel de concentración.
Estas normas queremos que entendades que son para mellorar o funcionamento do Club e sobre todo o traballo dos adestradores e do Delegado. Non nos gustaría que o vísedes como caprichos. Por iso cremos que temos e debemos explicalas: Ultimamente están a faltar bastantes nen@s ás convocatorias e isto é unha pequena decepción. Para cada campionato hai que encher un montón de formularios e distorsiona moito o funcionamento do Club e de organización, pois supón os árbitros recalcular as saídas das probas e moitas veces deixar a outros nen@s sen competir. Se un nen@ non ten interese nas competicións pode ser comprensible, pero non podemos deixar que prexudique neste concepto ao resto. Despois non debemos esquecer que a natación non deixa de ser un deporte individual. Non obstante a experiencia de anteriores promocións dinos que os amig@s que se fan na piscina, continúan sendo a “panda” de saídas co paso dos anos. Sabemos que o espírito de compañeirismo e polo tanto de equipo se xera nas concentracións e polo tanto nas viaxes. Debemos deixar que se relacionen máis e que creen os seus propios círculos de amizades, ante a falta nos últimos tempos dos "amig@s do barrio". E ademais somos un Club: Ninguén entendería que un equipo de fútbol viaxe xunto ao partido e que despois cada un se vaia polo seu lado. Debemos seguir xerando espírito de equipo, os éxitos dun dos nosos nadadores, son os éxitos do grupo. Evidentemente, mentres se está na competición, e dentro do recinto da piscina, está totalmente prohibido comer e beber refrescos. Isto xa o sabemos tod@s. Non criamos antes necesario repetilo, pero tamén nos estamos a encontrar con este problema. Só pedimos respectar as normas, que ademais é un exemplo de convivencia e de comportamento educativo e social ante os nosos fill@s. Nos últimos tempos o Galaico-Sercoysa creceu moito e aínda que este é evidentemente un motivo de orgullo, tamén as dificultades se multiplican. Non podemos permitir que os nen@s se descoloquen das súas probas por ir a ver os seus pais á bancada, ou que por exemplo, e isto xa pasou varias veces, que polo mesmo motivo, o nadador se pasee por unha zona de control dos xuíces e corramos o risco de ser penalizados. Se todos están cos adestradores, estarán máis concentrados e mellor controlados para entrar na cámara de saída. Esperando comprendades o importante do cumprimento destas e estando dispostos a escoitar as vosas suxestións, recibide o noso máis sincero agradecemento anticipado pola colaboración prestada.
As Xuntas Directivas: Club Natación Galaico-Sercoysa,Club Natación Rías Baixas e Club Galaico-Sincro.
Complexo Deportivo Rías do Sur a 5 de abril de 2010.
|